A biblioteca escolar é unha biblioteca específica e así se recolle na actual Lei de bibliotecas de Galicia, no seu artigo 31. Polos seus obxectivos, polos serivzos que presta á comunidade educativa, polo seu funcionamento, a biblioteca escolar, concebida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, xenera contextos educativos fértiles para a adquisición de competencias clave para o alumnado que medra na sociedade da información e contribúe á adquisición de todas as competencias básicas do currículo.
O lema elixido para este ano, LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR,
trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de
carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que
tratan temas relacionados coa ciencia. Todos estes contidos teñen cabida
na biblioteca e enriquecen a bagaxe lectora do alumnado. A ilustración é
de PATRICIA CASTELAO.
Por outra parte, a incorporación do profesorado dos departamentos de
ciencias aos equipos de biblioteca, diversifica as posibilidades de
intervención da mesma e favorece o deseño de actividades plurais en
contidos e imprescindibles para o desenvolvemento de todas as
competencias básicas.
A biblioteca ten na ciencia unha fonte riquísima para realizar propostas
de carácter interdisciplinar, que debe aproveitarse para que este tipo
de actividades vaia callando en todo o profesorado e facilite realmente o
desenvolvemento do currículo en todas as áreas e materias. É unha
oportunidade tamén para avanzar nas estratexias de comprensión lectora
de todo tipo de textos, e moi especialmente, un desafío para mellorar as
habilidades de uso, selección e produción de información en todos os
soportes, moi especialmente os recursos electrónicos. Aprender a
valorar a información que se atopa en internet con criterios de
credibilidade, veracidade, cientificidade, etc., é imprescindible para o
noso alumnado; identificar, por exemplo, a pseudociencia entre
a inxente cantidade de contidos audiovisuais que circulan por internet
resulta difícil (ás veces incluso para os adultos), pero só a
alfabetización mediática e informacional pode dotalos de recursos para
poder facelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario