Este é o blog de dinamización lingüística que facemos dende a biblioteca do CEIP Outeiro das Penas, o colexio de Cesantes (Redondela).

17 de mayo de 2011

LETRAS GALEGAS 2011: LOIS PEREIRO

Revisando os danos
 A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda, á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.
 
 


Narcisismo
  Sigo os pasos do sangue no meu corpo
e coa unlla do meu dedo máis firme
abro un sulco vermello en media lúa
na vea que me acolle tan azul.
Pereiro, Lois (1992). Poemas 1981/1991



Explórote cos ollos
 Explórote cos ollos
descúbrote por dentro
profanando o teu sangue que levo ó meu desexo
paséome por ti
examino os teus procesos
orgánicos
mátote e morro en ti
máis docemente

ou mellor
inocúlame ti a min
veleno dos teus dentes
mergúllate no meu sangue
inxéctate nas veas
que te observan

e xa doente dóeme
a túa dor no teu desexo
berrando en cada óso
e a túa morte
mátame e resucítame
para ó final
morrerme

morre en min
sobrevive
letal amor
que nunca perde
o alento
coa súa sede de amor
e os seus cinco
sentidos.
Pereiro, Lois (1995).
Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)
 

No hay comentarios: