As series infantís de animación 'Caracois' e 'Os contos do camiño' comezan a emitirse en maio na tvG2.
Tamén con esta periodicidade semanal comezará a súa emisión o día 16 Os contos do Camiño. Deste xeito, de 17 a 17.30 horas os rapaces poderán recoñecer novas versións de relatos que marcaron a evolución de distintas culturas.
En ambas series, OQO filmes adapta os álbums ilustrados da editorial ao formato audiovisual, a través da técnica de animación stop-motion. A difusión internacional do catálogo editorial de OQO e a popularidade alcanzada por moitos dos títulos entre os nenos e nenas de diferentes países, supón unha oportunidade para a penetración de ambas entre o público infantil.
A presenza no mercado de librerías, no sistema educativo e nas bibliotecas públicas de toda Galicia fan que os personaxes reflectidos nas series resulten próximos a milleiros de cativos.
Deste xeito, os rapaces terán a oportunidade de volver gozar das historias de contos tan coñecidos para os cativos como A bruxa regañadentes, Corre corre, cabaciña, Chocolata, Ollobrusco, Rato Tom e Rata Tomasa, A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín...
Ao igual que cos libros de OQO editora , a filosofía de OQO filmes remite a unha aposta por un entretemento para os cativos de calidade e en galego: boas historias que merecen ser contadas, sexa en libro ou en filmes.
Esta calidade está avalada polo recoñecemento de prestixiosos premios internacionais. Así, libros de OQO como Caixa de cartón, O último canto, Fume, Celestino Tarambaina e A cousa que máis doe do mundo, entre outros, teñen mencións como o White Ravens, que os distingue como os álbums máis fermosos do mundo. Premios do Ministerio de Cultura, da Asociación Galega de Editores (AGE), os Andersen – Il Mondo Dell’Infanzia ou da Fundación Espace Enfants de Suíza tamén recaeron en contos da editorial. Algúns deles, como A princesa do Caurel ou A cousa que máis doe do mundo, forman parte das novas series.
De igual xeito, Os contos do Camiño foi candidata á Mellor serie de Animación na última edición do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). Ademais, foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para nenos de Zlin (República Checa) e no festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado por OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).
Ningún comentario:
Publicar un comentario